Preto de Louredo, en terras do Rabiño, parroquia de san Benito, no límite cas terras de Refoxos, enfrente do Coto da Forca. A actual cruz da Buratiña está conformada por dous materiais: a pedra de parte do deu pé e o cemento co que conformaron unha sinxela cruz. A dicir dalgúns maiores houbo aquí un cruceiro e don Ramon Rodriguez di que recorda os restos daquel cruceiro polo chan, cando saía pola zona a pastorear. Hai quen di que puido ser un encargo da señora Urbana, que vivía en Refoxos, ó señor Juan, canteiro que deu a Louredo os cruceiros da Alfarrapa e O Tabolado.
Actualmente, queda nun altiño, entre toxos e monte, inda que se chega ben, pois quedan restos dun camiño. Un pode aparcar a poucos metros dela e visitala. A face da contorna mudou radicalmente cas obras da nova estrada Cortegada - Celanova, que deixou moi mala entrada a Louredo, inda que mellorou a comunicación cos pobos, reducindo curvas e mellorando sensiblemente o firme. Queda parte da anterior estrada, co que se fai máis sinxelo imaxinar o aspecto de hai uns anos. Esta cruz, cando era cruceiro, quedaba na confluencia de camiños, entre Louredo e Pousadoiro, Soutelo e Zaparín, Cortegada e Celanova.
A Buratiña é un topónimo que o padre Sarmiento recolle nas súas notas sobre a viaxe que fixo por Galicia no 1745. Pasou por aquí, tras atravesar parte do Ribeiro, A Arnoia, Remuíño, subir a costa de Refexón, pasar por Louredo e coller cara Refoxos, para despois tirar cara Celanova.
Enfrente da cruz queda un alto, un monte que comparten os do Rabiño e Refoxos. Digamos que metade e metade, cousa que se nota na plantación arborícora. Trátase do Coto da Forca, que seguramente leva ese nome como lugar limítrofe onde se impartiría xustiza ou se dirimiron contendas por saber onde remataban as terras de cada poboación. Un alto dende o que se divisa boa parte da contorna e cuxa cima se acada en poucos minutos.
A un paso da cruz está o vello campo de fútbol de Louredo, que poucos anos coñeceu en activo. Depois aproveitouse como campo de “paintball” e hoxe está de monte. Se segues cara Louredo atopas a nave do Perricho, adicada ós mateirais de construción. No monte cercano, unha cova de escasa lonxitude e misteriosa historia, pois inda non dei con quen me dixera cando e por que se abríu. Pretiño dela, o vello transformador da Tella, adicado a unha serrería que ardeu e da que apenas queda algún resto físico e a memoria dos veciños. Dende a cruz, se se colle a costa cara Zaparín, chegas ó Coto da Moura, conxunto de pedras que ben paga a pena visitar, pois volver estar limpo o monte por esa zona, tras anos agachada entre toxos, silvas e fento. Non queda memoria de lendas relacionadas con el. Seguindo a costa, o Alto da Sardiñeira, onde as mulleres que vendían pescado polo pobos da contorna se xuntaban. Alí se intentou buscar unha vea potente de auga, pero quedou a busca en nada. Un camiño polo monte leva ata o santuario da Nosa Señora da Guía, lugar fermoso onde a igrexa quedou a medio construír. Tamén se pode coller para Zaparín, A Raíña, Piñón e baixar ata Remuíño por unha estrada estreita e curva, con belas vistas dos montes.
Como complemento: 1. Vídeo da zona e a cruz: https://youtu.be/OQ39ABO918U 2. Fotos da contorna, na zona do campo de fútbol: https://www.facebook.com/permalink.php?story_fbid=934081570831262&id=100026882823682 3. Louredo visto desde O Coto da Forca: https://sxlouredo.blogspot.com/…/louredo-dende-o-coto… 4. A misteriosa cova da Buratiña: https://www.facebook.com/permalink.php?story_fbid=890503791855707&id=100026882823682 5. O vello transformador da Tella: https://www.facebook.com/photo?fbid=240458600193566&set=a.192430768329683 6. Como chegar desde Louredo: https://www.facebook.com/permalink.php?story_fbid=897391357833617&id=100026882823682 7. Coto da Moura: https://www.facebook.com/permalink.php?story_fbid=926916664881086&id=100026882823682 8. Parte da Buratiña e o Coto da Forca desde o barrio dos Veciños: https://www.facebook.com/permalink.php?story_fbid=785329449039809&id=100026882823682 9. Mapa parcial da zona, sen sinalizar a cruz da Buratiña: https://www.facebook.com/permalink.php?story_fbid=902135940692492&id=100026882823682 10. Escrito do padre Sarmiento, citando Louredo e A Buratiña: https://www.facebook.com/permalink.php?story_fbid=492747108298046&id=100026882823682
Discussion